Erro
  • Unable to load Cache Storage: database
  • Unable to load Cache Storage: database
  • Unable to load Cache Storage: database
  • Unable to load Cache Storage: database

INDUMENTARIA: TIPOS E TRAXES NA CANTABRIA
DOS SÉCULOS XVI AO XIX

“SANTANDER” J. HOEFNAGEL - G. BRAUN - F. HOGENBERG (COLONIA, 1572)

A partir da segunda metade do século XVI, a produción de libros de traxes adquire gran relevancia en toda Europa. As estampas que se citan a continuación teñen a particularidade de ser afíns, en moitos casos, a unha parte da cornixa cantábrica, que comprendía Biscaia, Santander e parte do oriente asturiano, producíndose entre elas unha evidente interrelación, que se vai reflectindo nas obras que se publican durante este século.

A obra Recueil de la diversité des habits qui sont de présent en usage... de François Deserps (París, 1562), primeiro libro de traxes impreso, é reeditada en Amberes en 1572 por Ioanni Bellero, baixo o título Omnium fere gentium nostraeq aetatis nationum habitus & effigies e recolle dúas xilografías, un “Cantaber” e unha “Cantabra Mulier”, ambas as dúas co texto inferior en latín. Estas imaxes preséntanse como biscaíños nas súas primeiras edicións. En Omnium fere gentium nostrae aetatis habitus, nunquam ante ac aediti de Ferdinando Bertelli (Venecia, 1563), aparecen dúas imaxes, “Gentil Homo de Montagna” e “La Vechia de S.Ander”, e outras estampas de cántabros que ben puideran ser afíns a esa parte do Cantábrico á que faciamos mención. Jost Amann e Hans Weigel (Nuremberg, 1577) publican Habitus praecipuorum tam virorum quan foeminarum..., que contén duascentas dezanove xilografías, doce das cales representan personaxes españois, algunhas delas baixo o epígrafe, “Piscaiensis”, “Cantabrica”, “Cantaber” ou “Cantabra”, o que reflicte que son habitantes da cornixa cantábrica. En Roma en 1585, ve a luz a obra Dei veri ritrati degl' habiti di tutte le parti del mondo de Bartolomeo Grassi, posiblemente continuación da anteriormente publicada, Recueil de costumes étrangers faisant le 3º volume de la collection recueille de J. J. Boissard de 1581. A estampa número 26 da obra de Grassi representa un grupo de catro figuras femininas, dúas delas “Spagnuole di Santander”. Pietro Bertelli publica en Padua, en 1596, Diversarum nationum habitus, cuxa estampa número 33 corresponde a unha “Cantabra Plebea”.

Non se debe obviar a vista de Santander contida en De praecipuis totius universi urbibus. Liber secundus, o Civitates Orbis Terrarum de Braun-Hogenberg (Colonia, 1572), que en primeiro termo mostra un grupo de tres figuras que representan unha casada, unha doncela rapada e unha viúva co toucado antigo, do debuxante Joris Hoefnagel.

Pero quizais, o traballo máis importante de todas as publicacións levadas a cabo neste período é Degli habiti antichio et moderni di diverse parti del mondo de Cesare Vecellio (Venecia, 1590), cuxa primeira edición está composta de catrocentas vinte estampas xilográficas impresas no obradoiro de Damian Zenaro e gravadas por Christoforo Guerra. Esta obra reedítase posteriormente en Venecia na imprenta de Bernardo Sessa e xa, en 1664, na mesma cidade, realízase unha terceira edición baixo o título Habiti antichi overo racolta di figure delineate dal gran Titiano e Cesare Vecellio. Na edición de 1598, ao pé das láminas 262, 264 e 265, lese “Mulier santandana in Cantabria”, “Cantabriae mulieris habitus” e “Cantabra mulier ignobilis”.

A importancia da obra de Vecellio ponse de manifesto na edición realizada pola Calcografía Nacional de Madrid en 1794. Publícase en dous volumes en cadernos de oito traxes cada un, contendo unicamente imaxes de Italia e España gravadas ao cobre por José Camarón. O primeiro volume –Colección de trages

que usaron todas las naciones conocidas hasta el siglo XVI Diseñados por el Gran Ticiano Vecellio y por César, su hermano. Nuevamente grabados con la mayor exactitud– contén douscentos vinte e sete gravados, todos eles de personaxes italianos. O segundo –Tomo II de los trajes del Ticiano de todas las naciones conocidas asta el siglo XVI. Aumentadas con varios mui importantes que no trae este autor– presenta corenta e oito imaxes referidas a España, das cales, as láminas 14 e 16 corresponden a personaxes cántabros.

A obra de Vecellio é novamente publicada, nesta ocasión en París en 1859 por Ambroise Firmin Didot, baixo o nome Costumes anciens et modernes. Habiti antichi et moderni di tutto il mondo di Cesare Vecellio. Nesta edición de dous volumes, o primeiro con duascentas trinta e catro imaxes e o segundo con duascentas setenta e nove, os textos descritivos das estampas, gravadas á testa por Frederic-Etienne Huyot a partir dos debuxos de Seguin, Catenacci e Feldman, redáctanse en francés e italiano: “Femme de Santander de Biscaye” e “Donna di Santandos di Biscaglia”.

O século XVII en Europa non é prolífico na publicación de libros de traxes e non é ata a segunda metade do XVIII cando, de novo, reaparecen publicacións deste tipo, tamén en España. As estampas de traxes sobre Cantabria teñen case sempre como referente a indumentaria utilizada polos habitantes de La Vega de Pas. A imaxe do paneiro ou da pasiega portando o cuévano é común en case todos os gravados da colección dos séculos XVIII e XIX, e así é como son representados os naturais da Montaña polos artistas españois e estranxeiros que interveñen na execución das estampas.

A partir da obra Colección de trages de España de Juan de la Cruz Cano y Olmedilla (Madrid, 1777), cuxa lámina número 8 representa a unha “Pasiega” ou “Paysanne des montagnes de Burgos” –en posteriores publicacións xa non aparece o nome de montañas de Burgos que é substituído por montañas de Santander–, a maioría das estampas teñen por denominador común os pasiegos, coas modificacións que o debuxante puidese incorporar na imaxe.

En París, en 1786, o editor Devere publica de forma facticia a obra de Juan de la Cruz e sucesivamente van aparecendo libros de traxes, cuxas estampas están asinadas, nalgúns casos, por reputados artistas da época: Rodríguez-Martí-Vázquez (Madrid, 1801); Chasselat-Coüt (París); Havell (Londres, ca. 1829); White-Pigal-Langlumé (París, 1825); Ribelles y Helip-Carrafa (Madrid, 1836); Alenza-Castilla (Madrid, 1839); Sinuett (París, ca. 1840); Blanchard-Dollet (París, 1842); Madrazo-Ortega (Madrid, 1844); Severini (Madrid, 1851); Ortega-Cibera (Madrid, 1851); ou Saumell (Barcelona, 1891), entre outros.

Unha carta autógrafa de José María de Pereda é o prólogo do álbum La Montaña, editado pola imprenta Sucesores de Rivadeneyra en Madrid en 1889, que contén trinta e dous debuxos realizados por Vitoriano Polanco e Fernando Pérez del Camino, que foron levados á pedra litográfica por Enrique Laporta Valor. Pereda fálanos de “escenas campestres y costeñas, curas, pedagogos, motilones y pardillos… lo más sabroso y llamativo de la tierruca…”. Ninguén como Polanco soubo reflectir con tanta graza e acerto todos esa vida rural montañesa, ademais da xente de mar. O contido desta obra é o maior referente que puidese aplicarse ao que entendemos como tipos populares ou tradicionais de Cantabria.