SIR JOHN MOORE, A RETIRADA E A BATALLA DE ELVIÑA: A CAMPAÑA NO OESTE DA PENÍNSULA
W. HEATH - J. CLARKE - M. DUBOURG (LONDRES, 1815)
A colección, que recolle este célebre episodio da Guerra da Independencia, conta aproximadamente con cento setenta gravados realizados con distintas técnicas de estampación –aceiros, xilografías, litografías, cobres e augatintas, estas últimas, as primeiras que se publican en Inglaterra sobre un tema español– procedentes de Francia, Reino Unido, Holanda, Alemaña e España.
Algunhas destas estampas representan os camiños seguidos por John Moore e o seu exército dende a súa partida de Salamanca e a posterior retirada cara a cidade de A Coruña e outras reflicten as vistas dalgunhas daquelas vilas ou lugares que forman parte dese itinerario seguido polas tropas. A colección ademais conta con mapas e planos relativos a estas rutas. As penosas condicións da retirada no seu paso por O Cebreiro, escenas da contenda, imaxes do enfrontamento das tropas de Moore e Soult en Elviña, retratos de militares e uniformes, entre outros, quedan fielmente reflectidos nalgúns gravados.
Así mesmo, na colección encóntrase un considerable número de libros ilustrados referidos á Guerra da Independencia e á campaña en Galicia –en torno a vinte e cinco– editados en Inglaterra, Francia, Estados Unidos e España por Robert Cadell, Archibald Constable, Engelin e Pochart, Charles Scribner´s Sons,
Seeley, Longman, Hurst, Rees & Horme, James Pott, Warren & Son, Domingo Puga, Joseph Johnson, John Bale e Danielsson, Redfield ou Aquiles Ronchi e asinados por recoñecidos historiadores do talle de Charles Oman, William Napier, Amade, Alexander Innes Shand, o coronel Willoughby Verner, ou George Alfred Henty, viaxeiros como o capitán Basil Hall, escritores que viviron en primeira persoa a contenda, como o tenente coronel Charles Steevens, ou o propio James Moore, irmán de Sir John Moore, que coa súa obra tratou de reivindicar o papel desempeñado por John na súa retirada.
Ademais de documentos cartográficos, a colección conta cun importante número de xornais dende outubro de 1808 ata agosto de 1809 - “The London Chronicle”, “The Curier”, “The Edimburgh Advertiser”, “The Nacional Register”, “The Farmer's Journal” e “Columbian Boston Centinel”– que dan noticias de primeira man sobre a guerra en España e Portugal, cuxo contido ten un enorme valor testemuñal e permiten coñecer en profundidade os movementos de ambos os dous exércitos.
No ano 2002, do 8 de marzo ao 7 de abril, no Palacio Municipal de Exposiciones Kiosco Alfonso de A Coruña, exponse unha parte da colección e publícase un catálogo con sesenta e unha imaxes.
|