INDUMENTARIA: TIPOS E TRAXES NA GALICIA DOS SÉCULOS XVI AO XIX
T. HAVELL (LONDRES, ca. 1830)
Un importante número de gravados a partir das primeiras representacións de galegos no século XVI ata 1900 conforman este repertorio, que mostra imaxes de tipos e personaxes galegos, identificados como tal, principalmente pola súa indumentaria. Todos eles manifestan a visión que de Galicia e as súas xentes tiveron recoñecidos artistas, non só españois, senón tamén ingleses, franceses, italianos ou alemáns. A iso únese o indiscutible, aínda que ás veces esquecido labor do gravador que, utilizando distintas técnicas, leva a termo a imaxe primeira do debuxante.
A produción de libros de traxes impresos a partir da segunda metade do século XVI tivo como referencia para un gran número de autores o códice Trachtenbuch von Spanien de Cristoph Weiditz (Estrasburgo, 1529). A obra foi o resultado da viaxe realizada por Weiditz á corte imperial de Carlos V en España e consérvase no Germanisches National Museum. Está composta por cento cincuenta e catro debuxos realizados a pluma e coloreados á acuarela e tempero, nalgúns casos con aplicacións de ouro e prata sobre papel de fío e algodón e nela recóllese unha imaxe moi representativa: “Mujer de Galicia yendo al corro de las hilanderas”.
Non será ata 1562 cando en París François Deserps publique Recueil de la Diversité des Habits..., primeiro libro de traxes impreso, concibido e editado como tal, de aí a súa recoñecida importancia. A partir da súa publicación, na que aparece a primeira representación dunha galega “La femme de
Compostelle”, xilografía de Richard Breton, a colección reúne outras destacadas estampas de editores como Ferdinando Bertelli (Venecia, 1563) ou Tiziano e Cesare Vecellio (Venecia, 1590), cuxas imaxes foron gravadas por Christoforo Guerra na imprenta de Damián Zenaro. Posteriormente, en 1598, publícase unha segunda edición, que se estampa no obradoiro de Bernardo Sessa.
No século XVII, sorprendentemente, prodúcese un baleiro na publicación de libros de traxes e non será ata 1777, coa magnífica obra Colección de trages de España de Juan de la Cruz Cano y Olmedilla, cando se retome este asunto. En 1794 imprímese na Calcografía Nacional Colección de trages que usaron todas las naciones..., reedición da obra de Vecellio, con dúas imaxes de galegos, gravadas por José Camarón.
O século XIX é, dentro da colección, o máis rico na fixación do tipo galego. Nomes como Rodríguez-Martí Mora, Giscard, Havell, Adam, Pigal, White, Langlumé, Carrafa, Ribelles e Helip, Becquet, Sinuett, Galofré, Alenza, Ortega, Trichon, Giménez, Vilaplana, Gaite, Nanteuil, Meléndez, Masí, Cibera, Ricord, Gil Rey, Múgica, Cuevas, Ollman, Urrabieta, Sierra, Díaz Carreño, Pujadas, Jover, Pradilla, Vela, Balaca, Doré, Prunaire, Fournier, Xumetra, Schmitt, Jaspe, Penoso, Apeles Mestres, Fusté, Lauder, Miranda, Manchón, Domínguez Bécquer, Duverger, Clerman, Alcázar, Galán, Gillot, D. J. Marie, Tiberio Ávila ou Bradford, entre outros, sen esquecer a Federico Guisasola e Lasala, que soubo plasmar como ningún aqueles personaxes da Galicia de finais do século XIX, tipos populares debuxados cunha graza singular, algúns deles contidos na súa obra Menestra de tipos populares de Galicia.
|