Erro
  • Unable to load Cache Storage: database
  • Unable to load Cache Storage: database
  • Unable to load Cache Storage: database
  • Unable to load Cache Storage: database

CARTOGRAFÍA DOS SÉCULOS XVI AO XIX
MAPAS, CARTAS NÁUTICAS, PLANOS E RUMBOS

L. J. WAGHENAER - I. A. DOETECUM (LEIDEN, 1584)

A colección mostra a obra de distintas escolas cartográficas e reúne un equilibrado conxunto de documentos dos séculos XVI ao XIX referidos tanto á cartografía corográfica como á náutica.

A partir do mapa publicado por Benedetto Bordone en Isolario (Venecia, 1528), os fondos da colección de mapas recollen a obra de grandes editores e cartógrafos como Metellus, Ortelius, Mercator-Hondius, Merula-Bertius, Tassin, Blaeu, Janssonius, Briet, Montecalerio, Sanson, De Wit, Mortier, Iaillot, Cantelli-De Rossi, Danckerts, Valk-Schenk, Visscher, Müller, De Fer, Robyn, Browne, Coronelli, Van der Aa, Allard, Bodenehr, Reinier-Ottens, Vaugondy, Tomás López, Nolin, Sutil, Cornide, López, Amoedo –estes catro últimos na España Sagrada de Henrique Flórez–, Philippe, Zatta, Bonne, Tardieu, Von Reilly, Carli, Cassini, Zappino ou Gussefeld, entre outros.

Do século XIX destaca a obra de Domingo Fontán que, coa súa “Carta Geométrica...” imprimida no obradoiro de Lemercier (París, 1845), é a referencia cartográfica de Galicia dese século, sen esquecer a Borghi, Lapie, Vandermaelen, Dauty e Malo, Coello ou Boronat.

Esta colección de mapas está conformada por cento noventa documentos aproximadamente e tamén reúne un importante número de planos de cidades e monumentos.

A cartografía náutica da colección iníciase coa pioneira obra de Waghenaer, un atlas que ve a luz en Leiden e Anveres en 1583, en cinco edicións sucesivas ata 1590. A primeira delas en holandés, Sphiegel der Zeevaert, contén vinte e tres cartas dende Cádiz a Escandinavia. A colección conta cos once exemplares relativos á Península Ibérica, tres dos cales conforman o litoral galego. Tal foi a repercusión da obra de Waghenaer que, a partir dese momento, se suceden as publicacións de atlas de cartografía náutica nos distintos focos europeos. Reputados editores como Blaeu, Colom, Merian, Dudley-Lucini, Goos, Ianssonium, Doncker, Theunisz, Seller, Van Keulen, Mortier, De Fer, De Wit-Renard, Bellin, Mount and Page, Kitchin ou Dezauche-Magin realizan os seus propios “zeespiegel”.

En España destaca a figura de Vicente Tofiño de San Miguel, nacido en Cádiz en 1732, director da Academia de Guardiamarinas e reputado astrónomo, que gozou da admiración dos científicos europeos. O seu Atlas Marítimo de España pode considerarse o traballo cartográfico de maior envergadura desenvolvido en España e punto de partida da cartografía moderna. Moitas das cartas publicadas por Le Service des Vaisseaux de la République Française e por Faden en Londres están baseadas nos levantamentos realizados por Tofiño.

No século XIX, xunto ao labor de destacados editores privados como Whittle, Gustav Klint, Luffman, Norie, Gold, Fernández Flórez, Doral, Lowry, Robiquet ou Losada, créanse organismos oficiais en todos os países, que dan lugar a un protagonismo estatal na produción cartográfica, tal e como sucede co Depósito Hidrográfico de la Marina.

A obra de todos estes cartógrafos aquí mencionados

contribúe a que a colección reúna un número aproximado de douscentos trinta exemplares, nos que se representa unha parte do Atlántico Norte dende Ouessant a Cádiz. Polo tanto, ademais de Galicia, aparecen de forma notoria a costa portuguesa e a do cantábrico.

Este conxunto de cartas compleméntase cunha serie de rumbos dende finais do século XVII ata 1900. A guía escrita para uso dos navegantes –o derrotero, en español; routier, en francés; roteiro, en portugués, e sailing-direction ou rutters en inglés– foi durante séculos a guía fundamental dos pilotos para dirixir aos barcos nas súas singladuras e ata o XV, o medio do que dependían os mariños do noroeste de Europa. Dende o XVI amplían a súa información gráficamente e de forma sistemática, con vistas e perfís da costa tal e como eran vistos dende o mar e, nalgúns casos, con pequenos mapas da zona contida neles para facilitar a navegación.

Le petit flambeau de la mer, de René Bougard (Le Havre, 1694) é un manual de náutica, que contén sesenta e sete cartas e foi moi utilizado nas escolas de navegación dende 1684 ata 1817. Esta obra toma prestado o seu título dos atlas náuticos de Blaeu e Ianssonius. Máis tardío é o rumbo de Manoel Pimentel Arte de navegar... e Roteiro (Lisboa, 1712), dividido en dúas partes. A primeira delas é teórica, mentres que a segunda, máis extensa, se corresponde cunha serie de derrotas de diversas partes do mundo. Na colección tamén se encontra Derrotero de las costas de España en el Océano Atlántico y de las islas Azores o Terceras, para inteligencia y uso de las cartas esféricas (Madrid, 1789), do xa citado Vicente Tofiño.

No século XIX a publicación deste tipo de obras multiplícase: Sailing directions for the coasts of Spain and Portugal from Cape Ortegal to Gibraltar (Londres, 1838) e Sailing directions for the bay of Biscay including the coasts of France & Spain from Ushant to Cape Finisterre (Londres, 1847), ambos os dous do coñecido hidrógrafo británico J. W. Norie; Derrotero de las costas de España y de Portugal desde el cabo Trafalgar hasta el puerto de La Coruña (Madrid, 1867), redactado polo capitán de fragata honorario Pedro Riudavets y Tudury; ou Sailing Directions for the coasts of Spain & Portugal from Cape Ortegal to the Strait of Gibraltar (Londres, 1868), publicado por James Imray, son algúns exemplos contidos na colección.

Do 3 ao 30 de abril do ano 2000 no Colexio de Fonseca de Santiago de Compostela, expúxose unha parte da colección de cartografía e en xullo dese ano levouse a cabo unha nova mostra en Vigo. Con tal motivo publicouse un catálogo con trescentas vinte e unha imaxes ao que lle foi concedido polo Ministerio de Educación e Cultura o primeiro premio do ano 2001 ao libro mellor editado na modalidade de Libros de Bibliofilia. No ano 2001 realízase unha nova exposición en Ourense e ao ano seguinte exponse en A Coruña, no Palacio Municipal de Exposiciones Kiosco Alfonso.